Thursday 02 de May de 2024

A Xunta felicita ao equipo do CPI A Xunqueira de Fene, que vén de representar a Galicia na Final Estatal da First Lego League


O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiu a unha demostración do proxecto científico, que emprega cans para loitar contra os lumes forestais

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visou o CPI A Xunqueira, de Fene, onde coñeceu, da man dos seus creadores o funcionamento do proxecto Fire Detectors, co que doce alumnos de 2º da ESO proclamáronse gañadores da terceira edición da fase galega da First Lego League organizada pola Universidade da Coruña. Estes rapaces acudiron o pasado 18 de marzo a Logroño, onde representaron a Galicia na final estatal.

Os alumnos deseñaron un chaleco para cans cun dispositivo lateral que morde en caso de percibir a existencia de fume. O mordedor está conectado a un pequeno transmisor, incorporado ao chaleco, que envía ao móbil dun brigadista o aviso do incendio e a localización exacta do mesmo mediante GPS. Os propios colexiais crearon unha aplicación informática que permite recibir a alerta no teléfono móbil, xunto á posición exacta. Ademais dos beneficios ambientais deste invento, os autores destacan o aforro económico que supoñería a súa utilización. Calcúlase que o custo de todo o material usado sería duns 100 euros, sendo o dunha hora das brigadas antiincendios de 6.000.

O traballo dividiuse en tres partes: a programación dun robot autónomo, empregando a tecnoloxía de Lego Mindstorms; o proxecto científico, e a aprendizaxe de valores. Os doce alumnos acudiron á final estatal de Logroño acompañados polas profesoras Blanca López Moreno, de tecnoloxía e robótica; e Montserrat Iglesias Rivera, do departamento de ciencias. Na visita tamén participaron o alcalde de Fene, Juventino Trigo, e os xefes territoriais de Educación e Medio Rural.

Ovidio Rodeiro felicitou persoalmente a un por un aos doce rapaces autores do proxecto, aos mestres que supervisaron o seu traballo e á comunidade educativa do CPI A Xunqueira. “Tivestes a inmensa honra de representar a Galicia na final estatal, e iso é algo que nos esqueceredes no resto das vosas vidas”, sinalou Rodeiro, que se confesou “convencido de que aquí hai moito talento por desenrolar”. “Seguide adiante e non vis conformedes. Quén sabe si disto, que hoxe parece un xogo, non sairán avances científicos polos que a humanidade leva moito tempo agardando”.